Industria química e siderurxia en Langreo

IMG_20160324_123304_peq

IMG_20160324_124832_peq

A localidade de Langreo foi durante finais do s.XIX e principios do s.XX un importantísimo centro siderúrxico en España (chamado La Felguera), preto de ricas minas de carbón e da auga do río Nalón. O núcleo urbano desenvolveuse en torno ao alto forno. Para que vos fagades unha idea da importancia da súa produción, a terceira vía ferroviaria de España foi a liña Langreo-Gijón, precisamente para transportar os materiais cara ao porto de Gijón.
La Felguera foi o primeiro lugar de Asturias onde se produciu aceiro (1887), e o primeiro lugar de España onde se fabricaron: chapa de aceiro para industria naval (1887), ladrillos refractarios (1896), vías para ferrocarril (1868), produtos químicos derivados do etileno (1957) e amoníaco sintético (1925). Tamén foi o lugar onde se inaugurou o maior alto forno español da época. Actualmente o alto forno xa non está en funcionamento e a antiga torre de refrixeración é o Museo da Siderurxia (MUSI).
A planta de Bayer de fabricación de ácido acetilsalicílico (Aspirina) de Langreo instalouse nese lugar porque o alto forno xeraba benceno, un precursor deste composto, no proceso de deshidratación do carbón para preparar o coque. Actualmente e, a pesar de que o alto forno está xa  desmantelado, esta planta farmacéutica bañada polo río Nalón, fabrica o 100% da Aspirina que se vende no mundo ademais doutros compostos.

“Museo de la Minería y de la Industria de Asturias” – MUMI

O MUMI é un precioso museo ubicado na localidade de El Entrego, preto de Oviedo, un dos concellos asturianos de maior tradición mineira. Comprende interesantes e completísimas exposicións sobre as antigas tecnoloxías mineiras baseadas en impresionantes maquetas en funcionamento a tamaño real e a escala que ilustran os enxeñosos mecanismos de eliminación de augas subterráneas, ventilación e extracción de carbón empregados no s.XVIII.

Tamén podemos ver o traballo dalgunhas das máquinas máis importantes da Revolución Industrial, enmarcadas na idade do vapor (Newcomen e Watt) e que serían empregadas en medios de locomoción e fábricas.

IMG_20160323_125647_peq

IMG_20160323_135732_peq

O nacemento da clase obreira e as súas reivindicacions sindicais tamén son tratados neste museo, onde podemos ver o seu contexto social, hixiénico e sanitario, así como os elementos empregados polas brigadas de salvamento nas tarefas de rescate na mina.

IMG_20160323_124953_peq

IMG_20160323_125333_peq

Outro aspecto importantísimo do museo é o tratamento que se lle da á industria química do momento (s.XVII-XIX): os inicios na comprensión da química do carbono (a súa tetravalencia e estrutura do benceno determinadas por Kekulé), así como o tratamento do carbón e petróleo para a emerxente industria de fabricación de medicamentos e de explosivos. En varias salas de exposición amósanse os procesos de produción de pólvora (a partir de xofre, nitrato de sodio e carbón-fíxate nas tres botellas amarela, branca e negra da foto inferior), e a fabricación de mechas e detonadores.

IMG_20160323_131557_peq

IMG_20160323_131759_peq

Fálase tamén da industria dos ácidos nítrico e sulfúrico como precursores de fertilizantes e explosivos. A seguinte foto amosa a planta de nitración continua da glicerina (s.XX) para fabricar a nitroglicerina. E os cartuchos son de TNT ou trinitrotolueno.

IMG_20160323_133352_peq

IMG_20160323_132826

A exposición inclúe tamén instrumental científico do s.XIX empregado na análise de substancias químicas como os colorímetros, refractómetros, polarímetros, densímetros…

Ademais, pódese facer unha visita guiada a unha mina a escala natural á que se accede mediante un ascensor hidráulico e onde se atopan os aspectos máis significativos do arranque e extracción de carbón, transporte interior, mecanismos de ventilación, etc. Nela preténdese recrear a sensación dos mineiros durante o seu traballo.

Se tedes oportunidade, non vos perdades este intelixente percorrido pola realidade social e industrial deste anaco de Historia.

“Artilugios para fascinar” en Salamanca

A sede da Filmoteca de Castilla y León en Salamanca recolle a exposición permanente Artilugios para fascinar, pertencentes á colección do cineasta Basilio Martín Patino. Nela podedes disfrutar dunha extraordinaria mostra de aparellos e imaxes anteriores e contemporáneos á aparición do cinematógrafo. Teredes a oportunidade de manipular un praxinoscopio e un zoótropo, e de observar unha amplísima colección de teatro de sombras, visores estereoscópicos, cámaras fotográficas, mutoscopios, linternas máxicas, proxectores cinematográficos con e sen son e moitos máis artiluxios baseados na física e na química. Unha interesantísima viaxe pola historia, o marabilloso inxenio humano e a súa aprendizaxe sobre a óptica, a química, a luz e o son.

O seguinte vídeo pode darvos unha pequena idea sobre o que veredes neste apasionante museo:

“Museo Arqueológico Nacional” en Madrid

Este precioso Museo Arqueológico Nacional ofrece unha interpretación rigorosa, atractiva, interesante e crítica do significado dos obxectos que pertenceron aos distintos pobos da actual España e do ámbito mediterráneo, dende a Antigüidade ata épocas recentes. As impresionantes exposicións permanentes, renovadas en abril do 2014, empregan recursos dixitais moi claros que axudan á comprensión de todo o percorrido histórico do museo. A visita é interesantísima, con vídeos explicativos en cada sala e unha ordenación moi atractiva e moderna de todo o material.

Á parte do relevante aspecto histórico, fío condutor de todo o museo, neste blog queremos que vos decatedes de como as diversas civilizacións empregaron os materiais de que dispoñían para fabricar os utensilios que precisaban e desenvolveron os coñecementos necesarios para a comprensión do mundo que os rodeaba e así sobrevivir e facer a súa vida máis cómoda. Todo isto non é máis que Física e Química: O lume, as rochas que se empregaban como ferramentas, os metais das armas e ornamentos, as cerámicas, os pigmentos, os embalsamamentos exipcios, as artes da agricultura, a gandería, os transportes por terra e mar, as construccións, a observación do ceo para a navegación e o avance da filosofía, das ciencias experimentais, das matemáticas… en definitiva, a longa aventura do home na súa necesidade de comprender, sobrevivir e conquistar o medio.

Estes documentais, xa máis longos, tamén fan un percorrido polo museo:

-Arqueomanía: Especial Museo Arqueológico Nacional (I) – (II)

“Museo Nacional de Ciencias Naturales” en Madrid

O Museo Nacional de Ciencias Naturales reúne información sobre paleobioloxía, xeoloxía, ecoloxía, cambio climático, bioloxía ambiental e biodiversidade. Trátase dun dos centros emblemáticos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). A súa disposición é tremendamente atractiva e moi didáctica. Serás testemuña da biodiversidade como fruto da evolución e a necesidade de conservación das especies. Ademais, poderás ver a exposición Minerales, fósiles y evolución humana. Nela, resúmense 4500 millóns de anos amosando diferentes tipos de fósiles, o proceso de fosilización e aspectos históricos da investigación paleontolóxica. Poderás ver os esqueletos de dinosaurios e grandes mamíferos. Tamén se tratan con moitísima claridade as investigacións e descubrimentos asociados aos coñecementos sobre a evolución humana.

Este vídeo pode darche algunha idea sobre o que podes ver no museo. Pero nada mellor que ir.

Museo de Historia Natural da USC

O día 21-10-2014 abríu as súas portas o novo enclave do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, antes situado na Facultade de Ciencias Químicas, e coñecido como “Museo Luís Iglesias”, científico galego homenaxeado no como Científico galego do ano 2014 pola Real Academia das Ciencias de Galicia. Esta colección mostra máis de 25000 exemplares de flora e fauna procedentes de todas as partes do planeta. As coleccións deste museo foron conformándose dende mediados do século XIX, maioritariamente con aportacións de profesores da Universidade de Santiago, de científicos e naturalistas, así como de particulares e institucións.

MuseoLuisIglesias4

Agora amósase como un novo espazo de achegamento da Ciencia á Sociedade. Trátase dun novo edificio con salas adicadas á biodiversidade terrestre e mariña e á xeodiversidade. As súas principais funcións son a investigación, a docencia e a divulgación científica. O Museo pon énfase nas Ciencias da vida e, especialmente, no desenvolvemento científico galego.Dentro do campo da Química, podedes observar unha amplísima colección de minerais recollidos por todo o mundo.

museo historianaturalsantiago

Aquí podedes facer unha visita virtual ao Museo.

“Casa das Ciencias” en A Coruña

A Casa das Ciencias, en A Coruña, é un museo fundamentalmente interactivo que, ademáis dos módulos permanentes, presenta tamén exposicións de carácter temporal, así que se ides de cando en vez, atoparedes sempre algo novo. Ten un péndulo de Foucault instalado na planta baixa e experimentos moi interesantes sobre Óptica, Mecánica, Ondas e moito máis nas salas interactivas, ademáis de exposicións sobre actualidade científica e o Planetario da súa cúpula. Non vos perdades as ligazóns  “Vive la Ciencia” e “Ciencifícate”, os proxectos de divulgación vencellados aos museos coruñeses nos que estaredes ao tanto das súas actividades e de moitas entradas interesantes sobre ciencia ao voso alcance e actualidade científica.

Nunha visita a Coruña recomendamos que combinedes este museo interactivo co MUNCYT, do que falamos noutra entrada.

Casa-de-las-Ciencias-Coruña

Neste vídeo, podedes facer unha pequeña visita polo museo:

Este é o vídeo promocional:

Non esquezades que, tamén en A Coruña, tedes o Acuarium Finisterrae ou Casa dos Peces, e o Domus, primeiro museo interactivo do mundo adicado ao ser humano.

aquarium-finisterrae-casa-los-peces

Acuarium Finisterrae – ver vídeo promocional

domus_corunhaDomus – ver vídeo promocional

MUNCYT en A Coruña

O MUNCYT ( “Museo Nacional de Ciencia y Tecnología”) ten unha das súas sedes en A Coruña. A outra está en Alcobendas, inaugurada recentemente (decembro 2014).  Esta imaxe corresponde co que nos queda máis preto, o de A Coruña:

muncyt corunha

Non é un museo interactivo, senon que básicamente amosa patrimonio tecnolóxico, é dicir, que aparacen expostos os inventos máis importantes que figuran nos depósitos do museo. Ademáis das permanentes, hai outras exposicións temporais, de carácter divulgativo. Está moi ben estruturado, e a súa visita faise moi amena porque as explicacións das pezas da exposición son claras e concisas. Nunha visita a Coruña, recomendámosvos que combinedes este museo coa Casa das Ciencias. Atentos na web ao calendario de actividades que se desenvolven alí:  hai talleres, visitas guiadas, noite no museo…  Ata podedes entrar no Boeing 747 Jumbo que trasladou en 1981 ao “Guernica” a España!  Esta foi a primeira peza que entrou no museo, inaugurado en 2012.
Como curiosidade, fixádevos que complicado é o traslado das pezas grandes. Aquí vedes como se introduciu a primeira peza do museo, o morro do Boeing 747 Jumbo:

 

E este é o vídeo da inauguración do museo:

Se tedes oporunidade, visitade o MUNCYT en Alcobendas (Madrid). Tamén é gratis, e consta dunha importante exposición de patrimonio científico pero, ademáis, dunha zona interactiva na que podedes experimentar coa óptica, a electricidade, o magnetismo, as forzas,… Dispón dun planetario na súa cúpula e de talleres e demostracións científicas didácticas. É moi completo.

museo-ciencia-tecnologia-alcobendas--644x362

 

“Centro de Ciencia Principia” en Málaga

Museo “Principia” de Málaga. Neste Centro de Ciencia recóllense Astronomía, Electricidade, Mecánica, Bioloxía, Química, Matemáticas e, incluso, Ondas e Percepción, estructurados en catro espazos diferentes: a Sala de Módulos Interactivos, a sala Faraday; o Planetario e o Observatorio Astronómico.

Centro_de_Ciencia_Principia

Recomendámosvos a súa web, que é completísima e dispón de moitos recursos. Entre outras cousas, poderedes ver moitos videos de conferencias interesantísimas e moi didácticas que se desenvolveron nas súas instalacións, e tamén material didáctico sobre diversos conceptos que hai que ir buscando segundo interese.

Se queredes facer unha visita virtual por “Principia”, seguide esta ligazón.