“Museo de la Minería y de la Industria de Asturias” – MUMI

O MUMI é un precioso museo ubicado na localidade de El Entrego, preto de Oviedo, un dos concellos asturianos de maior tradición mineira. Comprende interesantes e completísimas exposicións sobre as antigas tecnoloxías mineiras baseadas en impresionantes maquetas en funcionamento a tamaño real e a escala que ilustran os enxeñosos mecanismos de eliminación de augas subterráneas, ventilación e extracción de carbón empregados no s.XVIII.

Tamén podemos ver o traballo dalgunhas das máquinas máis importantes da Revolución Industrial, enmarcadas na idade do vapor (Newcomen e Watt) e que serían empregadas en medios de locomoción e fábricas.

IMG_20160323_125647_peq

IMG_20160323_135732_peq

O nacemento da clase obreira e as súas reivindicacions sindicais tamén son tratados neste museo, onde podemos ver o seu contexto social, hixiénico e sanitario, así como os elementos empregados polas brigadas de salvamento nas tarefas de rescate na mina.

IMG_20160323_124953_peq

IMG_20160323_125333_peq

Outro aspecto importantísimo do museo é o tratamento que se lle da á industria química do momento (s.XVII-XIX): os inicios na comprensión da química do carbono (a súa tetravalencia e estrutura do benceno determinadas por Kekulé), así como o tratamento do carbón e petróleo para a emerxente industria de fabricación de medicamentos e de explosivos. En varias salas de exposición amósanse os procesos de produción de pólvora (a partir de xofre, nitrato de sodio e carbón-fíxate nas tres botellas amarela, branca e negra da foto inferior), e a fabricación de mechas e detonadores.

IMG_20160323_131557_peq

IMG_20160323_131759_peq

Fálase tamén da industria dos ácidos nítrico e sulfúrico como precursores de fertilizantes e explosivos. A seguinte foto amosa a planta de nitración continua da glicerina (s.XX) para fabricar a nitroglicerina. E os cartuchos son de TNT ou trinitrotolueno.

IMG_20160323_133352_peq

IMG_20160323_132826

A exposición inclúe tamén instrumental científico do s.XIX empregado na análise de substancias químicas como os colorímetros, refractómetros, polarímetros, densímetros…

Ademais, pódese facer unha visita guiada a unha mina a escala natural á que se accede mediante un ascensor hidráulico e onde se atopan os aspectos máis significativos do arranque e extracción de carbón, transporte interior, mecanismos de ventilación, etc. Nela preténdese recrear a sensación dos mineiros durante o seu traballo.

Se tedes oportunidade, non vos perdades este intelixente percorrido pola realidade social e industrial deste anaco de Historia.

Advertisements